I O certame internacional destinado a público infantil e xuvenil celébrarase do 16 ao 19 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. O abono para asistir a todas as actividades ten un prezo de 3,00 €.
|Cinema Miúdo abre a inscrición gratuíta do obradoiro Make a Remake, de creación de dioramas.
08.11.2023 | Entre o 16 e o 19 de novembro as nenas e nenos de Ames e Galicia teñen unha cita co mellor do cinema infantil producido no mundo no último ano. Isto é grazas á celebración de Cinema Miúdo, o festival do sétimo arte especialmente dirixido á cativada, no que a proxección de curtametraxes combínase con obradoiros creativos, actividades para escolas, sesións especiais e actuacións de música, circo e maxia.
Trátase dun festival xa asentado na programación municipal que vai medrando tal e como demostra o feito de que en 2022 incrementou o público nun 50 % respecto ao ano 2021. Ademais, Cinema Miúdo comeza a ter un nome na península ata o punto de que Cinanima, o festival de animación máis importante de Portugal, ten este ano unha sesión de curtametraxes artellada desde Cinema Miúdo.
Premendo nesa ligazón podes descargar o folleto informativo cos horarios e actividades do festival Cinema Miúdo. O abono para asistir ao festival ten un prezo de 3 euros e pode adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Obradoiro Make a remake
Unha das actividades máis demandadas desde o nacemento do certame en 2018 son os obradoiros prácticos, que permiten á rapazada vivir a maxia do cinema como creadores. Este ano celébrase o taller Make a Remake, de creación de escenografías dentro dunha caixa de cartón, dando lugar a un diorama.
O obradoiro está recomendado para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. Constará de dúas quendas con 15 prazas cada unha: sábado, 18 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e domingo, 19 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura do Milladoiro. A actividade é gratuíta, pero require de inscrición previa no email actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono.
A proposta, ideada por Iria e Ángel de Estudio ia! consiste en crear escenografías en multiplano, tomando como referencia os traballos do cineasta Lotte Reiniger. Para construílas, as persoas participantes partirán dun amplo surtido de referencias e personaxes de filmes coñecidos. A través do xogo, a composición e a recontextualización crearán un novo universo, materializando dioramas dentro dunha caixa de cartón. Un xeito lúdico de achegar ás nenas e nenos á arte da composición e a escenografía a través dunha actividade divertida e creativa.
CINEMA MIÚDO
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. O seu obxectivo desde 2018 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.
Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos galegas e galegos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. Haberá máis de 60 curtas e unha longametraxe, ademáis dun obradoiro e actuacións de circo e humor.
A produtora Abella está detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine.