FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA INFANTIL DE AMES

Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña
Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña

I O certame internacional destinado a público infantil e xuvenil celébrarase do 16 ao 19 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. O abono para asistir a todas as actividades ten un prezo de 3,00 €.

|Cinema Miúdo crece en número de filmes proxectados e actividades programadas, consolidándose como unha das citas infantís máis divertidas e completas do ano en Galicia.

30.10.2023 | Esta mañá presentouse a sexta edición do festival internacional de cinema infantil de Ames. Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro; e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, acudiu á presentación alumnado das escolas unitarias de Covas e Ortoño, que puideron ver en primicia tres curtametraxes que recollen os valores do festival. Nesta edición como novidade inclúese unha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia. Ademais, por primeira vez haberá sesións escolares para mozos e mozas que cursan secundaria.

Entre o 16 e o 19 de novembro as nenas e nenos de Ames e Galicia teñen unha cita co mellor do cinema infantil producido no mundo no último ano. Isto é grazas á celebración de Cinema Miúdo, o festival do sétimo arte especialmente dirixido á cativada, no que a proxección de curtametraxes combínase con obradoiros creativos, actividades para escolas, sesións especiais e actuacións de música, circo e maxia. 

Catro días de programación pensada para brindar ás nenas e nenos galegas e galegos a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. O seu obxectivo desde 2017 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.

O alcalde, Blas García, destacou “a importancia de apostar por este festival como elemento primordial na aprendizaxe e educación dos nenos e nenas. Este ano a temática de Cinema Miúdo xira arredor da diversidade nas familias, un tema co se traballará previamente nos centros de ensino. Ademais, este ano como novidade os mozos e mozas que cursan secundaria asistirán ás sesións escolares do festival. Como concello máis xoven que somos de Galicia temos a obriga de apostar por iniciativas como Cinema Miúdo e trataremos de seguir potenciándoa en vindeiras edicións co obxectivo de achegarlle a cultura do audiovisual aos rapaces e rapazas de Ames. Anímovos a que veñades cos vosos pais e nais a este festival porque ides a descubrir moitas curtas que vos van a sorprender”.  

O director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro, dirixiuse aos nenos e nenas das escolas unitarias de Covas e Ortoño e díxolles que “nesta edición do festival se van a proxectar máis de 60 curtas. Queremos que sexa o festival máis importante de Galicia de cinema infantil. Por iso temos curtas de Australia, Nova Zelandia, Estados Unidos e de moitos outros países. Ademais, contaremos con actuacións de circo, obradoiros, etc”.

Selección Oficial, o mellor do cinema infantil internacional

A Selección Oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Está formada por curtametraxes internacionais inéditas e complicadas de atopar nas plataformas que espertan nas xeracións máis novas empatía e a vontade de descubrimento cara outras culturas. Nesta sexta edición crece o número de curtametraxes seleccionadas, de 35 en 2022 a máis de 60. Os bloques Axóuxeres e Buxainas serán proxectados o venres pola tarde, sábado todo o día e domingo pola mañá.

Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e de varias partes do mundo. As curtas da Selección Oficial compiten por alzarse cos premios do xurado e o público e serán as nenas e nenos ás que, cos seus votos ao finalizar cada sesión, decidan os filmes gañadores. Cinema Miúdo repartirá máis de 1400 € en premios.

A hora dos avós

Ademais dos bloques a concurso, Cinema Miúdo conta con sete actividades paralelas que enriquecen e completan a experiencia de acudir ao primeiro festival para moitas nenas e nenos galegos. Por unha parte, contarase cunha sesión especial fóra de concurso pensada para ser compartida entre avoas e avós e as súas netas e netos con traballos que xiran arredor da familia. As familias que asistan a esta sesión recibirán un agasallo recordatorio.

El meu primer festival, certame convidado

Como xa ocorreu na anterior edición Cinema Miúdo, o domingo pola tarde proxectarase a Colleita de cinema galego, unha sesión destinada a amosar traballos feitos en Galicia. Outras das sesións de proxeccións especiais será a elaborada por El meu primer festival, na que o certame catalán, o máis reputado de España, confeccionou unha sesión cos mellores traballos da súa última edición para o público de Cinema Miúdo.

O peliculón: ‘Oink, oink!’

A longametraxe de animación dos Paises Baixos é o “peliculón” escollido para esta sexta edición. Unha cinta que combina amor polos animais e a familia con chistes escatolóxicos, elaborada mediante a técnica stop motion

A protagonista da historia é unha nena de 9 anos que recibe como agasallo do seu avó un porchiño chamado Oink  e convence aos seus pais de quedar con el coa condición de adestralo. O porquiño cambiará a súa vida e a de todos na súa familia ata que as cousas empezan a complicarse de maneira inesperada.

CINEMA MIÚDO

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

A produtora Abella está detrás da programación e produción desta sexta edición. A empresa galega traballou en varias das edicións e asumiu a xestión integral do evento o ano pasado, no que aplica a súa experiencia á fronte doutros festivais de cine como o Galician Freaky Film Festival ou o Primavera do Cine. Tamén repite a autora do cartel, Srta. Doti, que de novo logra unha imaxe atractiva e sinxela que expresa imaxinación e paixón polo cinema a calquera idade.