FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA INFANTIL DE AMES

Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña
Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña

I Esta mañá presentouse a quinta edición de Cinema Miúdo, o festival internacional de Ames destinado a público infantil que se celebra entre o 24 e o 27 de novembre na Casa da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro e a partir deste ano estará xestionado pola produtora cultural galega Abella Producións.

I O xurado estará formado por Miguel Anxo Alfonso Diz, Paulo Mosca e Isabel Rey.

10.11.22 | Esta mañá presentouse en rolda de prensa a inminente edición do festival internacional de cinema infantil de Ames. Na presentación estiveron presentes a concelleira de cultura do Concello de Ames, Natividade González; o deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas Corral;  o director do certame, Juan de Castro e a técnica de cultura do Concello de Ames, María José Vázquez. Asimesmo, acudiron á presentación alumnado do terceiro ciclo de infantil do CEIP Agro do Muíño, que puideron ver en primicia dúas curtametraxes que recollen os valores do festival.

Durante a presentación desvelouse o programa desta quinta edición, que terá a conciencia medioambiental como eixo vertebrador e se celebrará, nas casa da cultura de Bertamiráns e O Milladorio. O acceso será gratuíto para todas as proxeccións e actividades, sendo preciso reservar entrada na billeteira do Concello.

En total serán máis de 60 filmes os que se poderán desfrutar en Ames entre o 24 e o 27 de novembro. Ademais de 6 bloques de curtametraxes a concurso os e as asistetes poderán desfrutar dunha longametraxe, unha sesión de videoclips, actuacións musicais, animación e un obradoiro. A produtora galega homenaxeada será Abano Producións e o festival convidado, o portugués Cinanima Junior.

A sesión inaugural terá lugar o venres 25 ás 17h na Casa da Cultura de Bertamiráns e contará coa proxección do bloque Axóuxeres 1 e a actuación de Barafunda, que ofrecerá un espectáculo de clown no que os globos terán gran protagonismo. A mesma compañía confeccionará uns adornos xigantes con globos que decorarán as casas da cultura durante todo o certame. Os globos utilizados son de látex natural e biodegradable.

En canto á sesión de clausura, celebrarase o domingo, 27 ás 18:30 na Casa da Cultura do Milladoiro e estará presentada por Peter Punk, quen irá desvelando as curtametraxes gañadoras e intercalando as proxeccións con números cómicos e musicais.

37 curtametraxes a concurso

A sección oficial está formada por 37 curtametraxes seleccionadas entre as máis de mil recibidas polo equipo de programación. Como en anos anteriores, estarán divididas en bloques, atendendo tanto á temática dos filmes como a súa idade recomendada: Axóuxeres, para nenos e nenas de 2 a 7 anos, e Buxainas, para desfrutar a partir dos 7 anos.

A selección foi feita para espertar nos pequenos o interese polo séptimo arte, ofrecendo traballos variados e inéditos que tamén os conviden a reflexionar sobre o seu entorno e relacións. En palabras do director e programador do festival, Juan de Castro, “a sección oficial está pensada para abraiar tanto a nenos como a adultos, tanto pola calidade técnica das pezas como pola súa mensaxe”.

Xurado

Os 37 filmes que forman a sección oficial optan a dous premios do público e dous do xurado (un por cada categoría, respectivamente). O xurado estará formado por Miguel Anxo Alfonso Diz, escritor e contacontos de literatura infantil;  Paulo Mosca, ilustrador, animador e director de curtametraxes de animación, actualmente é o axudante de dirección da serie Pocoyó e Isabel Rey, productora en Artefacto Producións, con filmes ás costas como O Apóstolo. 

Sesión As nosas produtoras, dedicada a Abano Producións

En cada edición, Cinema Miúdo dedica unha sesión fóra de concurso a amosar o traballo dunha produtora galega. Este ano renderase unha pequena homenaxe a Abano Producións, estudo dirixido por Chelo Loureiro especializado en animación tanto para adultos como para nenos.

A produtora do estudo María Barro estará presente para falar cos e coas pequenos e pequenas asistentes e explicarlles o proceso de creación dun filme de animación. Tamén se proxectarán as tres mellores curtas infantís da produtora: A flor máis grande do mundo, O soldadño de chumbo e O xigante.

Cinanima Junior, festival convidado

O festival terá o praces de contar cunha “carta branca” de Cinanima, o festival de animación máis imporatnte da península que conta cunha potente sección de filmes para público miúdo. Cinanima celébrase na cidade portuguesa de Espiño desde hai 46 anos.

Cinema Miúdo

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace no concello de Ames en 2018. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademáis de sesións específicas para escolares, mesas redondas para educadores, obradoiros, e sesións musicais.