I O festival internacional de cinema infantil de Ames celébrase entre o 24 e o 27 de novembro nas Casas da Cultura de O Milladoiro e Bertamiráns.
I Xoguetería óptica. Coñecendo o zootropo, é un obradoiro práctico de precinema que terá lugar o sábado e o domingo.
17.11.22 | A maxia do cinema revelase en múltiples formas no Cinema Miúdo, o festival internacional de cine infantil que celebra o Concello de Ames entre o 24 e o 27 de decembro. No programa de Cinema Miúdo atopamos unha impactante sección de curtametraxes infantís, chegadas de moitas partes do mundo e dividas por idades, audiovisual galego e portugués, actuacións de Peter Punk e Barafunda, un “peliculón” e un obradoiro creativo: Xoguetería óptica. Coñecendo o zootropo.
O devandito obradoiro consistirá na creación dun zootropo, un xoguete óptico moi popular no século XIX que está nas bases do cinema de animación. Un zootropo está composto por un tambor circular dentro do cal se colocan imaxes. Ao facelo xirar, as imaxes cobran movemento, por mor dun efecto óptico estroboscópico.

O taller está recomendado para miúdos e miúdas de entre 7 e 12 anos. Haberá dous pases, para dar a oportunidade a que máis nenos e nenas desfruten da experiencia. Sábado, 26 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e domingo, 27 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura do Milladoiro. Todas as actividades e proxeccións do festival son de balde, pero é preciso reservar praza escribindo a actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono.
O obxectivo desta actividade, desenvolvida polo equipo de Novos Cinemas, é espertar o interese polos estadios primitivos do cinema, validar o papel da ciencia en toda arte que simule o movemento, dar a coñecer a xoguetería óptica aos miúdos do século XXI, tanto o seu deseño como funcionamento, así como fomentar a experimentación e a interacción cos medios de producción, valorando a reutilización e a reciclaxe de materiais de consumo.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace da Concellaría de Cultura do Concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo, ao proxectar curtametraxes dos cinco continentes. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Todas as actividades son de balde. Reserva o convite na Billeteira do Concello de Ames.
Máis información, catálogo, cartel e fotografías nesta ligazón: https://drive.google.com/drive/folders/1A8KSo5e4dqSZcxU29Ly0MmzNzDwiA3vk?usp=sharing