A gala de clausura do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames celébrase o domingo 16 de novembro ás 18:00 h na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A entrada ten un prezo de 3,00 € e permite acceder a todas as actividades do festival

Ames, 3 de novembro de 2025 – O Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames despedirá a súa oitava edición cunha gala chea de humor e compromiso social da man do coñecido artista Peter Punk Pallaso, que presentará un espectáculo cómico e reivindicativo centrado na defensa dos dereitos humanos e na mensaxe de paz que inspira esta edición de Cinema Miúdo.

O acto, que terá lugar o domingo 16 de novembro ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, servirá tamén para facer entrega dos premios oficiais do certame, que recoñecerán as mellores curtametraxes das categorías Axóuxeres e Buxainas, así como o galardón destinado ao público escolar e o Premio Miguel López “el Hematocrítico”, outorgado á obra que mellor exprese valores sociais e educativos.

Baixo o lema “Defendamos a paz e os dereitos humanos”, Cinema Miúdo 2025 pun o foco na importancia da Declaración Universal da ONU e na defensa dos valores de igualdade, solidariedade e xustiza.

Clausura con Peter Punk, un espectáculo para rir e pensar

Na gala de clausura, o coñecido artista Peter Punk —etiqueta artística de Isaac Rodríguez— presenta un espectáculo inédito que combina humor, malabares e participación do público. A través do xogo e da risa, o pallaso ofrece unha proposta divertida para pequenos e maiores, pero tamén cunha fonda mensaxe sobre os dereitos humanos, a empatía e a igualdade.

Licenciado en Educación Infantil e cunha longa traxectoria como malabarista, pallaso e animador, Peter Punk é o actual director da Asociación de Profesionais de Circo da Galiza e membro de Pallasos en Rebeldía, colectivo co que participou en accións solidarias en campamentos de refuxiados en Grecia e no Sáhara. A partir desa experiencia, incorpora ao seu espectáculo unha mirada máis reflexiva, lembrando que o dereito á alegría e á infancia.

 

Entradas

A entrada ás proxeccións e ás galas de inauguración e clausura realizarase mediante abono único, dispoñible na billeteira da web do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.