OBRADOIROS

OBRADOIRO

EFECTOS ESPECIAIS

Sábado 15 de novembro, de 10:30 h. a 12:30 h. (Casa da Cultura de Bertamiráns)

(Actividade recomendada para miúdos e miúdas de entre 8 e 12 anos)

Nesta VIII edición desfrutaremos de dous obradoiros que farán as delicias da rapazada máis curiosa. Dúas propostas creativas para aprender facendo, dirixidas por profesionais de referencia no ámbito audiovisual.

O primeiro deles será un emocionante obradoiro onde aprenderemos a facer feridas de película: crearemos trucaxes, sangue e ata un sexto dedo, empregando materiais caseiros e seguros.

Un xeito divertido de coñecer técnicas profesionais utilizadas no cine, que poderemos aplicar no próximo disfrace de Samaín ou nas nosas futuras curtametraxes.

Actividade recomendada para miúdos e miúdas de entre 8 e 12 anos.

O obradoiro será impartido polo artista Ricardo Spencer. Nado en Brasil e afincado en Vigo, é licenciado en Xornalismo e técnico en efectos especiais.

Mestre no CIFP Audiovisual de Vigo e director-xerente da empresa SFX Efectos Especiais, conta cunha ampla traxectoria profesional en televisión, cinema e teatro.

Participou en producións brasileiras como O Baile Perfumado ou O Cangaceiro, e galegas como Los Lunes al Sol, Fisterra, O Ilegal ou Dhogs, ademais de colaborar en numerosas curtas, series e montaxes teatrais en Galicia e Portugal.

OBRADOIRO

STOP MOTION

Domingo 16 de novembro, de 10:30 h. a 12:30 h. (Casa da Cultura de Bertamiráns)

(Actividade recomendada para miúdos e miúdas de entre 8 e 12 anos)

Neste segundo obradoiro aprenderemos a facer as nosas propias películas de animación na casa, utilizando a fascinante técnica de animación fotograma a fotograma.

Unha actividade totalmente práctica na que coñeceremos todas as ferramentas técnicas e artísticas necesarias para desenvolver os nosos primeiros traballos de animación.

A partir da creación das nosas propias figuras de plastilina e escenarios, daremos vida a pequenas historias animadas coas nosas propias mans. Unha divertidísima proposta coa que daremos renda solta á nosa imaxinación e creatividade.

Actividade recomendada para miúdos e miúdas de entre 8 e 12 anos.

O obradoiro será impartido por Fernando Cortizo, director e guionista dunha ducia de curtametraxes, tanto en imaxe real como de animación, e fundador de Artefacto Producciones.

En 2009 comezou a produción da súa primeira longametraxe, O Apóstolo, a primeira película europea en stop motion estereoscópico. Con ela obtivo en 2012 o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademais de recoñecemento internacional.

Xunto a el estará Isabel Rey, tamén membro de Artefacto e produtora executiva do filme O Apóstolo, ademais de pintora.

string(15) "color: #ef7c5e;"