O Festival Internacional de Cine Infantil de Ames recibiu a preto de 2.000 persoas na Casa da Cultura de Ames esta fin de semana.
Ames, 16 de novembro de 2025 – A oitava edición de Cinema Miúdo celebrouse do 13 ao 16 de novembro cun programa que combinou proxeccións internacionais, obradoiros creativos e actividades orientadas a reforzar a educación en valores a través do cinema. O festival presentou unha selección de nove bloques de curtametraxes procedentes de 21 países, incluíu sesións específicas para público escolar e abriu espazo para a reflexión mediante dúas propostas especiais baixo o título Cinema en Valores.
Entre as novidades desta edición destacaron a incorporación de subtitulado para persoas xordas na sesión Buxainas 3 e o subtitulado ao galego de numerosas obras internacionais, reforzando o compromiso coa accesibilidade e coa diversidade lingüística. Ademais, os obradoiros de efectos especiais e stop motion volveron esgotar prazas, confirmando o seu atractivo para o público infantil.
Cinema Miúdo acolleu ao longo das súas catro xornadas a preto de 2.000 persoas, o que converte esta edición na máis multitudinaria das oito celebradas ata o momento. Ademais das familias de Ames, achegouse público doutros concellos, incluído Santiago de Compostela, consolidando o festival como unha referencia cultural na contorna. O certame está organizado polo Concello de Ames e conta co apoio da Deputación da Coruña. A xestión e programación está feita pola produtora cultural viguesa Abella, con dirección de Juan de Castro.
Clausura e entrega de premios
O festival pechou o domingo 16 cunha gala na Casa da Cultura de Bertamiráns presentada por Peter Punk, que encheu o espazo de humor. No acto estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade de Jesús González Rodríguez. Tamén asistiu a familia de Miguel López “O Hematocrítico”, quen quixo acompañar a entrega do premio honorífico que leva o seu nome.
Os nenos e nenas volveron ser protagonistas da edición, xa que foron eles quen decidiron os Premios do Público a través do xa característico aplausómetro. As familias amesáns amosaron un entusiasmo especial pola selección de curtametraxes internacionais, que fixeron saber asos organizadores ao longo da fin de semana.
A selección oficial de curtametraxes tamén foi avaliada por un xurado internacional formado por tres profesionais de ampla traxectoria no ámbito audiovisual que expresou a súa dificultade de chegar a un veredicto ante a alta calidade da selección amosada. A galega Amaia Mauleón, xornalista e responsable da Vigo Film Office e autora de varios libros infantís; O estoniano Oskar Lehemaa, director de imaxe real e animación, con obras presentes en festivais como Annecy ou Sundance; e a portuguesa Sara Naves, con máis de quince anos de experiencia en animación tradicional e programadora do Festival Vila do Conde.
𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼𝘀 𝗱𝗼 𝗣𝘂́𝗯𝗹𝗶𝗰𝗼
Premio Axóuxeres: 𝘔𝘰𝘫𝘢𝘱𝘱𝘪 𝘦́ 𝘮𝘦𝘶! [モジャッピ ~いただき!ホットケーキ~] de Nijitaro (Xapón, 2024).
Premio Buxainas: 𝘝𝘦𝘳𝘥𝘦 𝘱𝘢𝘳𝘢 𝘴𝘦𝘮𝘱𝘳𝘦 [𝘍𝘰𝘳𝘦𝘷𝘦𝘳𝘨𝘳𝘦𝘦𝘯] de Nathan Engelhardt e Jeremy Spears (EUA, 2025).
Premio Escolares: 𝘚𝘦𝘯𝘵𝘪𝘯𝘮𝘦 𝘭𝘪𝘯𝘥𝘢 [𝘚æ𝘵𝘶𝘳] de Anna Karín Lárusdóttir (Islandia, 2023).
Mención especial Escolares: 𝘈 𝘧𝘰𝘳𝘻𝘢 [𝘓𝘢 𝘍𝘶𝘦𝘳𝘻𝘢] de Cristina Martin Barcelona e María José Martin Barcelona (España, 2024).
𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼𝘀 𝗱𝗼 𝗫𝘂𝗿𝗮𝗱𝗼
Premio Axóuxeres: 𝘖 𝘵𝘶́𝘯𝘦𝘭 𝘥𝘢 𝘯𝘰𝘪𝘵𝘦 [𝘓𝘦 𝘛𝘶𝘯𝘯𝘦𝘭 𝘥𝘦 𝘭𝘢 𝘕𝘶𝘪𝘵] de Annechien Strouven (Bélxica- Francia, 2024).
Mención especial do Xurado: 𝘈 𝘤𝘢𝘳𝘱𝘢 𝘦 𝘢 𝘯𝘦𝘯𝘢 [𝘓𝘢 𝘊𝘢𝘳𝘱𝘦 𝘌𝘵 𝘓’𝘌𝘯𝘧𝘢𝘯𝘵] de Morgane Simon e Arnaud Demuynck (Bélxica – Francia, 2024).
Mención especial do Xurado: 𝘈 𝘭𝘦𝘯𝘥𝘢 𝘥𝘰 𝘤𝘰𝘭𝘪𝘣𝘳𝘪́ [𝘓𝘢 𝘓𝘦́𝘨𝘦𝘯𝘥𝘦 𝘋𝘶 𝘊𝘰𝘭𝘪𝘣𝘳𝘪] de Morgan Devos (Francia, 2024). Premio Buxainas: 𝘈 𝘷𝘪𝘯̃𝘦𝘵𝘢 𝘣𝘢𝘭𝘦𝘪𝘳𝘢 [𝘓𝘢 𝘊𝘢𝘴𝘦 𝘝𝘪𝘥𝘦] de Thibault Chollet (Francia, 2025).
Mención especial do Xurado: 𝘗𝘢𝘥𝘦𝘳 de Jean Vergé (Francia, 2024).
𝗣𝗿𝗲𝗺𝗶𝗼 𝗛𝗼𝗻𝗼𝗿𝗶́𝗳𝗶𝗰𝗼
Premio Honorífico Miguel López «El Hematocrítico»: 𝘋𝘳𝘢𝘨𝘧𝘰𝘹 de Lisa Ott (Reino Unido)
