A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a oitava edición do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames do 13 ao 16 de novembro.
Ames, 29 de outubro de 2025 – O Concello de Ames presentou esta mañá no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a oitava edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo, que se desenvolverá do 13 ao 16 de novembro no mesmo emprazamento. As entradas do festival xa están dispoñibles na billeteira do Concello de Ames.
O acto contou coa presenza de María Vázquez, técnica do Departamento de Cultura; Juan de Castro, director do festival; Natividade González de Jesús, deputada da Área de Cultura da Deputación da Coruña; e José Blas García Piñeiro, alcalde-presidente do Concello de Ames e concelleiro de Cultura. O alumnado de 4º de Primaria do CEIP A Maía asistiu como público convidado e gozou dunha proxección de curtas adaptadas á súa idade.
Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, a edición de 2025 pon o foco na importancia da Declaración Universal da ONU e na defensa dos valores de igualdade, solidariedade e xustiza. O festival propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social.
Curtametraxes internacionais
A sección oficial deste ano inclúe nove bloques de curtametraxes a concurso: seis dirixidos a público maior de 7 anos (Buxainas) e tres pensados para menores de 7 anos (Axóuxeres), ademais de tres sesións específicas para escolares. En total, participarán filmes procedentes de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca ou os Países Baixos, o que reflicte o carácter internacional e plural do certame.
En coherencia coa temática dos dereitos humanos,e como novidade, o festival inclúe dúas sesións especiais baixo o título Cinema en Valores: unha dedicada a clásicos en branco e negro, que reivindica a memoria e a historia do cinema como vehículo de reflexión social, e outra formada por pequenas xoias contemporáneas que abordan cuestións actuais dende unha mirada sensible e educativa.
Cinema Miúdo 2025 outorgará seis galardóns, recoñecendo tanto o voto do público como o criterio do xurado profesional: Axóuxeres Xurado, Axóuxeres Público, Buxainas Xurado, Buxainas Público, Escolares e o Premio Hematocrítico, destinado á curta que reúna os mellores valores sociais ou a mensaxe máis xusta e noble.
Obradoiros e actividades paralelas
Debido ao gran éxito das edicións anteriores, nesta ocasión celebraranse dous obradoiros nos que a rapazada poderá crear efectos especiais e as súas propias animacións. O primeiro, Efectos especiais con Ricardo Spencer, achegará aos nenos e nenas os segredos da maxia cinematográfica, creando feridas e maquillaxes con materiais caseiros, ideais tamén para o Samaín.
O segundo, un obradoiro de Stop Motion con Fernando Cortizo. Esta arte cinematográfica consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. Para isto, os participantes moldearán os seus propios personaxes e crearán unha escena fotograma a fotograma, dando vida a unha pequena película de animación coas súas propias mans. Cortizo é, autor de numerosas curtametraxes, ademais do filme O Apóstolo (2012), a primeira longametraxe europea en stop motion estereoscópico, unha obra de referencia no cinema de animación.
Os obradoiros son gratuítos e con prazas moi limitadas. A inscrición realízade no mail actividades@cinemamiudo.gal
Inauguración e clausura cheas de emoción
A gala de inauguración, o xoves 14 ás 17:00 h, contará coa participación da escola de danza Danzaya Ames, que ofrecerá unha posta en escena chea de enerxía para dar inicio ao festival. A gala de clausura correrá a cargo do coñecido Peter Punk, que presentará un espectáculo cómico e reivindicativo centrado na defensa dos dereitos humanos e na mensaxe de paz que inspira toda esta edición.
Con esta proposta, Cinema Miúdo consolídase como un referente cultural en Galicia e un espazo de encontro para o público infantil e familiar. O certame propicia que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Ano a ano o Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames reivindica que as pantallas tamén poden educar, emocionar e transformar o mundo dende a mirada dos máis pequenos.
Entradas
A entrada ás proxeccións realizarase mediante abono único, dispoñible na billeteira da web do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.
