ACTIVIDADES MIÚDAS

VIII EDICIÓN 2025

Inauguración – Clausura e Entrega de premios

INAUGURACIÓN

Venres, 14 de novembro | 17:00h
CASA DA CULTURA DE BERTAMIRÁNS

Que soen os axóuxeres e xiren as buxainas! Que desfilen as pequenas estrelas pola alfombra vermella cara á sala de cinema!

Nesta inauguración do festival estaremos moi ben acompañados: abriremos esta nova edición con ritmo, cor e moita enerxía da man da Escola de Baile Danzaya. 

Con sede en Bertamiráns, Danzaya é un centro profesional de actividades deportivas e artísticas nado en 2013. A súa filosofía baséase en transmitir aos alumnos e alumnas a paixón polo movemento, a música e o esforzo compartido. En cada clase —sexa de baile moderno, urbano, comercial, hip hop, break dance ou latino— os seus profes converten o estudo nunha auténtica festa. 

Nesta ocasión, as mozas de entre 13 e 16 anos da escola sorprenderannos cun remix de pezas de baile moderno, cheo de forza, estilo e frescura. Un espectáculo perfecto para dar comezo ao noso festival cunha boa dose de alegría e movemento.

Clausura e entrega de premios con Peter Punk.

Domingo, 16 de novembro | 18:00h
CASA DA CULTURA DE BERTAMIRÁNS

Un ano máis, vestiremos as nosas mellores galas para despedir esta nova edición de Cinema Miúdo. E desta volta farémolo cunha gala chea de humor e compromiso social da man do noso xa coñecido amigo Peter Punk Pallaso, que presentará un espectáculo cómico e reivindicativo centrado no lema que inspira esta VIII edición de Cinema Miúdo: “Defendamos a paz e os dereitos humanos”.

Desfrutaremos dun espectáculo inédito no que Peter Punk combina humor, malabares e participación do público. A través do xogo e da risa, o pallaso ofreceranos unha proposta divertida para pequenos e maiores, pero tamén cunha fonda mensaxe sobre os dereitos humanos, a empatía e a igualdade.

Licenciado en Educación Infantil e cunha longa traxectoria como malabarista, pallaso e animador, Peter Punk é o actual director da Asociación de Profesionais de Circo da Galiza e membro de Pallasos en Rebeldía, colectivo co que participou en accións solidarias en campamentos de refuxiados en Grecia e no Sáhara

Xunto a el, coñeceremos as curtametraxes premiadas deste ano, segundo o xurado e o público miúdo, e poderemos volver a desfrutar dalgunhas das gañadoras.

Os premios que se entregarán durante a gala de clausura desta VIII edición de Cinema Miúdo son:

Premio Axóuxeres do Público

Premio Axóuxeres do Xurado

Premio Buxainas do Público

Premio Buxainas do Xurado

Premio Escolares do Público

Premio Miguel López «El Hematocrítico»

ACHEGANDO CINEASTAS ÁS ESCOLAS

ENCONTRO COA REALIZADORA CORAL PIÑEIRO

Mércores, 12 de novembro | 09:40h
IES DO MILLADOIRO

Dentro das actividades previas á VIII edición de Cinema Miúdo, realizaremos un encontro entre a realizadora galega Coral Piñeiro e o alumnado de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro.

Coral Piñeiro compartirá a súa experiencia no mundo do cinema, falando sobre o seu camiño como cineasta, os temas que a inspiran e como o cinema pode servir para explorar a memoria persoal e colectiva. Será unha oportunidade para coñecer de preto o proceso creativo dunha nova voz do audiovisual galego e para descubrir outras formas de mirar e contar a realidade a través da cámara.

Coral Piñeiro é unha nova realizadora galega. Dirixiu as curtametraxes Dores e Na pel da memoria (esta última xunto a Laura Piñeiro) e actualmente traballa na súa primeira longametraxe, Da túa man para a miña, en colaboración con Fran Rodríguez Casal.

É cofundadora de Memoria e Cinema, un colectivo de novos cineastas que exploran a memoria, desde a familiar ata a histórica. Ademais, colabora en diferentes festivais galegos nos ámbitos da programación e da comunicación, e exerce como docente en proxectos de educación a través do cinema, como a MICEscola da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. 

O Peliculón:

Sábado 15 de novembro, 19:30 H. (Casa da cultura de Bertamiráns)

(Idade recomendada +7 anos)

A MIÑA VIDA AO GRANDE

(Living large [Zivot k sezrání])

80′ / República Checa, Francia, Eslovaquia / 2024 / Kristina Dufková

Ben, un neno de 12 anos, cun gran sentido do humor e un talento especial para a cociña e a música, acaba de comezar secundaria e namorouse de Klara, unha compañeira da súa mesma clase.

Sen embargo, sofre acoso escolar polo seu peso e tenta darlle a volta á situación facendo dieta e tentando conquistar á moza dos seus soños.