O Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames celébrase na Casa da Cultura de Bertamiráns do 13 ao 16 de novembro
Ames, 1 de novembro de 2025 No marco da oitava edición do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames, Cinema Miúdo, o Concello de Ames propón dúas actividades formativas que farán as delicias da rapazada máis curiosa: dous obradoiros creativos para aprender facendo, dirixidos por profesionais de referencia no ámbito audiovisual. Ambos obradoiros son para nenas e nenos a partir de 8 anos. Son gratuítos e con prazas limitadas e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico actividades@cinemamiudo.gal indicando nome e idade da participante e teléfono de contacto dunha persoa adulta.
Feridas de película con Ricardo Spencer
O sábado 15 ás 10:30 celébrase o obradoiro de Efectos especiais con Ricardo Spencer,que achegará aos nenos e nenas as técnicas básicas para crear feridas, cortes e mesmo amputacións de maneira realista, empregando materiais caseiros e seguros.
Ricardo Spencer, nado en Brasil e afincado en Vigo, é licenciado en Xornalismo e técnico en efectos especiais. Mestre no CIFP Audiovisual de Vigo e director-xerente da empresa SFX Efectos Especiais, conta cunha ampla traxectoria profesional en televisión, cinema e teatro. Participou en producións brasileiras como O Baile Perfumado ou O Cangaceiro, e galegas como Los Lunes al Sol, Fisterra, O Ilegal ou Dhogs, ademais de colaborar en numerosas curtas, series e montaxes teatrais en Galicia e Portugal.
Arte fotograma a fotograma con Fernando Cotizo
O domingo ás 10:30h, o Obradoiro de Stop Motion con Fernando Cortizo, introducirá ás crianzas na fascinante técnica de animación fotograma a fotograma. A partir da creación das súas propias figuras de plastilina e escenarios, os participantes darán vida a pequenas historias animadas coas súas mans. A arte cinematográfica do stop motion consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías.
Fernando Cortizo é director e guionista, autor dunha ducia de curtametraxes, tanto en imaxe real como de animación e fundador de Artefacto Producciones. En 2009 comezou a produción da súa primeira longametraxe, O Apóstolo, a primeira película europea en stop motion estereoscopio. Con ela obtivo en 2012 o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademais do recoñecemento internacional. Xunto a el estará Isabel Rey, tamén membro de Artefacto e produtora executiva do filme O Apóstolo, alén de pintora.
Festival de curtametraxes
Ademais destas propostas prácticas, Cinema Miúdo ofrecerá en Ames unha ampla programación que combina cinema, educación e compromiso social. A súa selección oficial de curtametraxes inclúe nove bloques a concurso, con filmes procedentes de 21 países diferentes e dous pases especiais de Cinema en Valores, con sesións que reivindican a memoria do cinema clásico e abordan temas de igualdade, solidariedade e dereitos humanos. O festival completarase coas actuacións da escola de baile Danzaya e Peter Punk Pallaso.
Entradas
A entrada ás proxeccións realizarase mediante abono único, dispoñible na billeteira da web do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.
Os obradoiros son gratuítos e con prazas limitadas, e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico actividades@cinemamiudo.gal
