| Arranca en Ames a VII edición do festival internacional de cine infantil Cinema Miúdo, que se celebra nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns entre o 14 e o 17 de novembro. O abono para todo o festival ten un prezo de 3,00 € e pode mercarse na billeteira electrónica do Concello de Ames.
| A inauguración oficial do festival é o venres 15 ás 17:00h coa actuación do pallaso Rudi Dudi e a proxección dos dous primeiros bloques de curtametraxes.
14.11.2024 | Este xoves 14 e venres 15 o festival Cinema Miúdo arranca en Ames coa celebración de sete sesións de cine internacional dirixidas ao alumnado das escolas de Ames. En total serán 400 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos que se achegarán desde as escolas infantís do Milladoiro, Igrexa e Covas; e os CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta. Todos eles desfrutarán dunha selección de curtametraxes adaptada a cada tramo de idade e deseñada especialmente para eles.
Cinema Miúdo continúa o venres pola tarde e sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo no Milladoiro con proxección de curtametraxes, o filme ¡Linda quiere pollo! e os bloques de cine clásico Pioneiros da comedia e Pioneiros da Animación. Ademais da abraiante selección de curtas internacionais, o festival enriquece a súa oferta con actividades paralelas divertidas e estimulantes coas que a rapazada descubrirá outras facetas do audiovual de xeito interactivo, como o obradoiro de fotografía A Máquina Fantástica e as actuacións de inauguración e clausura.
Todas as acitividades e proxeccións están incluídas dentro do abono do festival, que ten un prezo de 3,00 € e pode adquirirse na billeteira do Concello de Ames. Unha vez adquirido o bono será necesario reservar butaca para cada sesión á que se desexe acudir. A reserva faise na mesma billeteira.
Gala de inauguración co pallaso Rudi Dudi
O venres ás 17:00h, o certame abrirá as portas ao público xeral cunha festa inaugural na que o mestre de cerimonias será o pallaso Rudi Dudi. O cómico ofrecerá un espectáculo familiar que combina teatro familiar con exercicios circenses, titulado Clownamorado. Nada máis comezar, Rudi namora dunha persoa do público, os nervios farán que todo saia do revés mentres se esforza en impresionar ao seu namorado/a, tarefa para a que precisará da axuda do público.
Logo da actuación, prenderanse os proxectares para desfrutar do primeiro bloque de curtametraxes Axóuxeres 1, dirixido a público desde 2 anos. Ás 19:00 será a quenda do bloque de curtas Buxainas 1, para nenos e nenas de 7 anos en adiante.
Por outra banda, durante o acto de clausura, o domingo ás 18:30h, contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo. Na primeira parte do espectáculo explicarán de xeito práctico a importancia das bandas sonoras, convidando aos asistentes a participar na creación dunha peza. A continuación musicalizarán en directo a mediometraxe Unha semana, de Buster Keaton, o gran xenio da comedia física.
Selección oficial
O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 abraiantes curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.