| Ames convértese na capital do cinema infantil con Cinema Miúdo, o festival internacional de cine infantil que celebra a sétima edición nas Casas da Cultura do Milladorio e Bertamiráns entre o 14 e o 17 de novembro e está adicado aos pioneiros do cinema.
| Respresentantes do Concello de Ames, a Deputación da Coruña e Abella Producións presentaron as novidades da inminente edición, na que asistiron como convidados 60 alumnas e alumnos de 3º curso de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño.
| O abono para todo o festival ten un prezo de 3,00 € e pode mercarse na billeteira electrónica do Concello de Ames.
07.11.2024 | Onte presentouse a sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames. Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro; e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, acudiron á presentación 60 alumnos e alumnas de terceiro curso de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño, que puideron ver en primicia tres curtametraxes que recollen os valores do festival.
Do 14 ao 17 de novembro, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns transformaranse no epicentro do cinema infantil coa celebración do Festival Internacional de Cinema Miúdo. Durante catro días, nenos e nenas de todas as idades poderán gozar dunha programación moi coidad de curtametraxes, talleres, e actividades especiais. As entradas e abonos xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono para todo o festival ten un prezo de 3 euros.
Esta edición, alcumada As orixes do Cinema, convida á cativada a unha viaxe pola historia da sétima arte, desde os clásicos do cinema mudo ata as animacións máis contemporáneas. Nas sesións Pioneiros da Animación e Pioneiros da Comedia, novidade deste ano, poderemos gozar dos enxeñosos gags de Chaplin, Lloyd e Keaton, e marabillarnos coas técnicas de animación máis rudimentarias e innovadoras.
Selección oficial e xurado
O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 abraiantes curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.
Todas as curtametraxes aspiran a alzarse con algún dos seis premios outorgados polo público,
o xurado e o equipo de programación. Como novidade nesta edición daranse dous novos premios: un premio escolar, que levará a curta máis aplaudida durante as proxeccións que se fagan nas sesións escolares, e mailo premio Miguel López, O Hematocrítico, que será para aquela curta que teña unha relación directa coa literatura infantil. Miguel López foi membro do xurado na edición anterior de Cinema Miúdo.
Para o premio do público serán os pequenos espectadores os que emitan o seu veredicto ao remate de cada sesión. Por outra banda, cóntase con tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, gañador dun Premio Goya, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa de filmes de animación, Alexandra Ramires e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.
A Máquina Fantástica, obradoiro de fotografía analóxica
O obradoiro A Máquina do Fantástica convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía. O taller terá lugar o sábado 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos a partir das 10:30h. As prazas son moi limitadas e é preciso formalizar a inscrición no mail actividades@abella.gal indicando nome, ideade e teléfono de contacto.
O taller ofrece aos participantes a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica. Unha estenopeica é unha cámara fotográfica sen lente, que consiste nunha caixa estanca á luz cun pequeno orificio por onde entra a luz, o estenopo, e un anaco de película no que se plasmará a imaxe. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa escura e como fixar esas imaxes en papel fotográfico utilizando técnicas clásicas de revelado. Ao finalizar a actividade, cada participante poderá levar á casa a súa primeira fotografía revelada como recordo tanxible da súa aventura creativa.
Actuación de Rudi Dudi e concerto interactivo de Caspervek
Ademais de cine, contarase con dúas actuacións nas galas de inauguración e clausura do certame. A inauguración, o venres 15 a partir das 17:00, estará amenizada por Rudi Dudi e o seu espectáculo de comedia xestual.
Na clausura, o domingo 17 ás 18:30h, contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo. Na primeira parte do espectáculo explicarán de xeito práctico a importancia das bandas sonoras, convidando aos asistentes a participar na creación dunha peza. A continuación musicalizarán en directo a mediometraxe Unha semana, de Buster Keaton, o gran xenio da comedia física.
O Peliculón: ¡Linda quiere pollo!
O filme francés ¡Linda quiere pollo! está considerada unha das mellores películas de animación dos últimos anos e foi gañadora do Premio César a mellor Filme de Animación (o equivalente ao Goya no país veciño).
Cun estilo e animación áxiles e animados, Chiara Malta e Sébastien Laudenbach son quen de debuxar un océano de sentimentos a partir dunhas poucas pinceladas de cor, conseguindo transmitir e crear un fermoso vínculo nai-fila.
Festival amigo: GazteFilm Fest
O festival de cinema infantil e xuvenil de Vitoria-Gasteiz, Gaztefilm Fest, preparou unha selección con algunhas das mellores curtametraxes que pasaron polo seu certame. Caracterízase por traer pezas infantís e xuvenís contemporáneas de todo o mundo que non se exhiben nos circuítos comerciais. A súa selección salienta pola súa calidade e polo especial fincapé en temas de solidariedade e empatía entre pobos.
Trátase dunha colaboración especial e importante, que coloca Cinema Miúdo á altura dos mellores festivais de cine infantil de España. Únenos a paixón polo que facemos e o mutuo interese en achegarlle ese «outro cinema» á infancia.