FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA INFANTIL DE AMES

Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña
Concello de AMES
Cinema Miudo Festival Internacional de Cine Infantil
Deputación da Coruña

| O festival internacional de cine infantil celébrase nas Casas da Cultura do Milladorio e Bertamiráns entre o 14 e o 17 de novembro e está adicado aos pioneiros do cinema.

| Cinema Miúdo desvela o cartel da súa sétima edición, deseñado un ano máis por Srta. Doti e no que aparecen os Lumière, Méliès, Chaplin ou Mickey Mouse.

03.10.2024 | Cinema Miúdo quenta os proxectores para a celebración da súa sétima edición, que terá lugar entre o 14 e o 17 de novembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladorio, en Ames, o concello con maior ratio de nenos e nenas de Galicia. O certame está xestionado por terceiro ano pola entidade cultural galega Abella Producións, que desvela hoxe o cartel e temática deste ano: os pioneiros do cinema.
A imaxe gráfica do certame é obra da deseñadora e ilustradora Alejandra Abalde, coñecida no eido creativo como Srta. Doti. Fiel ao seu estilo colorista e entrañable, Abalde retrata un patio de butacas no que podemos recoñecer persoeiros significativos e momentos abraiantes da historia do cinema. Os irmáns Lumière, a lúa do filme de Georges Méliès, Charles Chaplin e Alice Guy, comparten sala con personaxes do cine infantil e de fantasía como Mickey Mouse. “Quixen crear pequenas escenas dentro do cartel, convidando aos nenos a imaxinar as historias que viven os personaxes representados; e incluín diversos obxectos ocultos para que poidan xogar a descubrilos, o que engade un toque interactivo e lúdico ao deseño”, explica Srta. Doti.

A temática será transversal a moitas das actividades do festival. A través de proxeccións, unha exposición e obradoiros interactivos, a cativada terá a oportunidade de explorar a maxia do cinema desde os seus inicios, comprendendo como estes visionarios transformaron as imaxes en historias cativadoras e sentaron as bases para a arte cinematográfica que desfrutamos hoxe en día. Ao mergullarse no legado destes pioneiros, as nenas e nenos de Ames aprenderán sobre técnicas cinematográficas e desenvolverán un sentido de apreciación pola arte e a narrativa visual. 

A temática da vindeira sétima edición celebra a historia do cinema ao tempo que inspira ás novas xeracións a soñar e crear,  fomentando a súa imaxinación e curiosidade. Cinema Miúdo brinda ás nenas e nenos a oportunidade de conectar co pasado e motívaos a contar as súas propias historias, converténdose nos cineastas do mañá.

Cinema Miúdo

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional,  quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademáis de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.